A CAM, seleccionada polo goberno de Núñez Feijoo para financiar o Novo Hospital de Vigo, só vale un 1 euro
A. O Grupo Ribera Salud, constituído pola Caixa de Aforros do Mediterráneo (CAM) e bancaja (actualmente integrada en Bankia), xestionaba 28 hospitais e 100 centros de saúde en España. A CAM, a pesar de ter recibido unha gran inxección de diñeiro público (2800 millóns de euros[1]) tivo que ser intervida e actualmente foi vendida ao Banco Sabadell por 1 euro.
Previamente, estas entidades foron incapaces de conseguir os 50 millóns de euros necesarios para pagar a débeda contraída pola construción dun dos seus hospitais PFI (o hospital de Torrejón), tendo que malvender os seus centros sanitarios de Valencia e Madrid.
Rodrigo Rato, o presidente de Ribera Salud, optou por pechar un proceso negociador en exclusiva con Capio, pola módica cifra de 115 millóns de euros, tras un informe de avaliación de ofertas elaborado pola consultora Price Waterhouse Coopers (PwC).
B. As entidades que forman Ribera Salud, a CAM e Bancaja, integradas en Concessia Cartera, forman parte da UTE seleccionada para o financiamento do Novo Hospital de Vigo (NHV) grazas á intervención da consultora PwC que recibiu da Xunta de Galicia 220.000 euros pola asesoría desta adxudicación, realizada en decembro de 2010[2]
Porén, e a pesar da maquillaxe das súas contas, a insolvencia da CAM non era un segredo nestas datas.
O Presidente do Banco de España, Fernández Ordoñez, que definiu a CAM como o peor do peor das caixas de aforros[3] filtrara , xa en abril de 2009, unha lista de 7 caixas que debían ser reestruturadas, entre as que se atopaba a CAM[4]. En 2009 a filial inmobiliaria da CAM encontrábase en situación de quebra técnica e no 1º primeiro trimestre de 2010 a caixa alacantina obtén un resultado 30,6% inferior ao do mesmo período de 2009[5]. Ao peche do primeiro semestre do ano 2011 a CAM presentou unhas perdas de 1.731 millóns de euros, cunha taxa de morosidade do 20 % e unha exposición ao ladrillo de 16.000 millóns de euros[6]
¿Porqué se malvenden os centros sanitarios de Ribera salud a unha empresa estranxeira a pesar de ter sido levantados e incluso saneados (Alzira) tras a súa quebra co diñeiro da poboación da C. valenciana e porque en Galiza se paraliza o proxecto do goberno bipartito para construír o NHV, con financiamento e xestión públicas e se lle adxudica a unha UTE con entidades, o que vai supoñer un incremento do custo de arredor de 1000 millóns de euros?
Os intereses cruzados entre a UTE concesionaria do NHV (Puentes y Calzadas, a CAM e Bankia) a PwC, a sanidade privada (Capio Sanidad) e o Partido Popular poderían estar detrás destas adxudicacións, tanto de Ribera Salud a Capio como do NHV á UTE seleccionada
1. Manuel Lamela é un home do PP e da máxima confianza de Rato, ex xefe do seu gabinete. Desde que abandonou a política no ano 2008 pasou de ser un xestor da sanidade pública a ser un empresario privado do mesmo sector. É o máximo dirixente de Madrid medical destination, que ten entre os seus socios a Capio Sanidad. Ademáis Lamela é conselleiro de Bankia (Caja Madrid)
2. PwC apoiou cun informe a ópera de Calatrava encargada por Jaume Matas,
ao que o fiscal anticorrupción calificou de montaxe. Tras perder as
eleccións autonómicas de maio de 2007, Matas ficha pola consultora PwC[7]
3. Rodrigo Rato: Ministro de economía no goberno do PP de Aznar. Presidente de Caja Madrid e Presidente de Bankia. Encarga á PwC a auditoría do proceso de ‘fusión fría’ protagonizado por Caja Madrid e Bancaja e inflúe na adxudicación de Ribera salud a Capio.
3. Luis de Guindos desenvolveu o cargo de secretario de economía do goberno do PP de Aznar, sendo ministro Rodrigo Rato. No ano 2008 pasa a formar parte da PwC. Actualmente é xefe dos servizos financeiros desta consultora.
Luis de Guindos (presidente de Leman Brothers até a sua caída en 2008) e Rodrigo Rato (presidente do FMI durante unha mala etapa) son pesos pesados do PP e ambos nomes soan como ministrables para o próximo goberno de Mariano Rajoy.
4. Agustín Hernández, que abandonou a dirección de obras públicas da Xunta, cando o PP perdeu o poder en Galicia, no ano 2005, e con posterioridade tardou apenas 2 meses en fichar pola construtora Puentes y Calzadas, seleccionada para a construción do NHV, empresa á que só un ano antes outorgara contratos por máis de 30 millóns de euros[8]. Durante o goberno de Manuel Fraga, Nuñez Feijoó presidiu a consellería de política territorial[9]
En marzo de 2008, Agustín Hernández regresa como director de infraestruturas na Deputación de Pontevedra, cuxo presidente é o popular Rafael Louzán. Tras volver á Xunta no ano 2009, como Conselleiro de infraestruturas Agustín Hernández adxudica a Puentes y Calzadas a variante de Noia por 38 millóns de euros, a pesar de que dita empresa tiña presentada a 2ª peor das 20 ofertas económicas valoradas[10]. Agustín Hernández é o actual Conselleiro de Medio Ambiente no Goberno de Nuñez Feijoo (PP)
- ¿Cómo pretenden financiar o Novo Hospital de Vigo mediante unha entidade como a CAM que foi adquirida por un banco catalán (tendo cuestionada a súa solvencia por 1 euro)?
- ¿Cómo puido a Xunta de Galicia adxudicar o contrato para financiar e construír o Novo Hospital de Vigo a unha entidade como a CAM que estaba considerada polo Banco de España como a peor de todas as entidades e atopándose en situación de quebra técnica?
- Como pode este goberno introducir recortes na atención sanitaria galega mentres cede á iniciativa privada a construción do Novo Hospital de Vigo por un custo de 1000 millóns de euros superior ao custo do financiamento público?
- Como pode esixir ou impor o partido Popular sacrificios ás/aos cidadáns e privatizar a sanidade pública recortando dereitos, mentres unha parte dos seus militantes se beneficia da mesmas?
Consideracións finais
A Sanidade pública non pode ser utilizada para compensar a diminución do negocio das construtoras ou das entidades financeiras afectadas pola burbulla inmobiliaria.
Non é doado explicar porque o goberno galego en plena crise económica anula o proxecto previo do NHV financiado polo SPI e paga á consultora PwC 200.000 euros por un novo proxecto que entrega o hospital a unhas entidades financeiras privadas insolventes e cun incremento do seu custo en máis de 1000 millóns de euros, decisión contraditoria co discurso da Consellería de Sanidade, no que xustifica que a falta de recursos económicos obrígana a introducir severos recortes nos servizos sanitarios públicos da Comunidade Autónoma que poñen en perigo o acceso universal e equitativo á saúde das/os cidadáns.
Manuel Martin Garcia
Portavoz Plataforma Galega para a Defensa da Sanidade Pública
tno 669704177
[1] El Estado toma el control de la CAM y lo pone a la venta. Público.es. 22 de xullo de 2011
[2] Redacción Médica. Galicia. 17 de setembro de 2010. Info concurso. Buscador de adxudicacións. SERGAS
[3] ElPaís.com. 30 de setembro de 2011
[4] ElEconomista.es. 22 de abril de 2009
[5] CAM gana solvencia pero pierde beneficio. ValenciaPlaza.com. 23.4 2010
[6] ABC.es. 5 de decembro de 2011
[7] ElPaís.com. 13 de febreiro de 2011
[8] La Xunta adjudica una autovía a la segunda más cara de 20 ofertas. ElPaís.com 19/7/2010.
[9] ElPaís.com. 6 de abril de 2009
[10] La Xunta adjudica una autovía a la segunda más cara de 20 ofertas. ElPaís.com 19/7/2010.

No hay comentarios:
Publicar un comentario