La Voz (Ourense)
18/10/2011
A Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos escenificou onte o enterro destes servizos, desde a sanidade ate a educación. Pasadas as sete do serán formouse a comitiva arredor do féretro, adornado cun anturium e coas papeletas alusivas ás tixolas máis a lenda: RIP Servizos Públicos. Dous cregos e un bispo falsos acompañaron na última viaxe ós servizos públicos. O enterro sorprendeu aos viandantes tanto no parque de San Lázaro, de onde saíu, ate a Praza Maior, pasando polo Paseo, Praza de Santa Eufemia e Arcediagos. Foron cantando a letanía para a ocasión con versículos como: «Contra o copago na sanidade pública, loitade con nós», Contra a redución de camas nos hospitais, loitade con nós», respostaba o público entregado. Pararon diante do Banco de Santander, no Paseo e dixeron: «¡Pedídelle ao banco que levante o morto das hipotecas!». As rogativas facían rir á xente sentadas nas terrazas ou os peóns. detrás da caixa do morto camiñaban unhas duascentas persoas concienciadas coa necesidade de que non mermen servizos como so sociais, os medioambientais, os sanitarios e os educativos. Pediron pola non privatización das residencias de maiores, polos ceses de contratos das brigadas de loita contra o lume como exemplos do grave perigo que padecen estes servizos públicos.
Baixa inversión
Volveu deterse a comitiva diante de Novacaixagalicia para cantar de novo a letanía e botarlle auga co hisopo á fachada. Recorda esta plataforma que Ourense ten a inversión máis baixa de Galicia en infraestruturas sanitarias, que este curso académico perdeu douscentos mestres ou que nesta provincia, nos últimos anos, non se ten aberto unha residencia de maiores pública.
Ao chegaren á Praza Maior, o cadaleito foi recibido con aplausos e vivas aos servizos públicos. Por alí escoitábase o lema: «Non te deixes enganar. A Privatización non é a solución, é negocio para uns poucos e miseria para o resto».
Un crego incensou a caixa e botoulle auga. De seguido advertíuselle a todos que o día 20 haberá unha manifestación que terá que ser símbolo «da resurrección dos servizos públicos», segundo lles dixo Anxo Pérez. Hoxe, ás 19.00 horas, farán unha caravana de coches desde o Campus. Mentres, ás oito, están convocados pais e docentes diante de Educación, pola plataforma sindical educativa.
Un saudo
Manuel Martin
Portavoz SOS Sanidade Pública


No hay comentarios:
Publicar un comentario